
Natalia Varela, apicultora do proxecto Espírito da Colmea – Laxe, Palas de Rei, Lugo
Natalia medrou nunha familia de muiñeiros, pero o seu camiño cara á apicultura comezou case por casualidade. Tras regresar a Galicia en 2013, restaurou o antigo muíño da súa familia e descubriu abellas silvestres aniñando nas súas paredes. Sen experiencia previa, decidiu comezar con dúas colmeas, guiada pola súa intuición e curiosidade. Así comezou a súa aventura nun mundo que, segundo ela, é pechado e dominado polos homes, o que facía aínda máis difícil a aprendizaxe.
Co tempo, Natalia formouse mediante cursos e coa axuda ocasional de apicultores locais. En 2023, deu un paso crucial e profesionalizou a súa actividade. Para ela, as abellas representan moito máis ca un traballo: «A esencia, o núcleo do proxecto, é concienciar de que todos somos un e de que as abellas están estreitamente ligadas ao seu contorno. Sen abellas, non podemos ter comida, porque as abellas polinizan arredor do 77% dos alimentos que comemos hoxe en día. Se desaparecen porque os seus hábitats non están protexidos e se destrúen, estamos traballando contra nós mesmos», afirma.
Natalia aprecia esta relación entre as abellas e o ecosistema, e sinala que o cambio climático está a alterar os ciclos naturais e a repercutir no comportamento das abellas. No pasado, castiñeiros, salgueiros e silvas florecían de forma sincronizada, pero hoxe en día todo é imprevisible, afirma.
A pesar da súa importancia, di que a apicultura enfróntase a unha falta de recoñecemento en Galicia. Segundo ela, as políticas favorecen actividades máis rendibles, como a cría de porcos ou polos, mentres que a apicultura vese como unha utopía. «Dáselle prioridade ás grandes industrias que prometen postos de traballo a curto prazo, pero que desestabilizan todo o tecido local. Ao cabo de 30 anos, o único que deixan é terra queimada», advirte.
Esta preocupación polo impacto das multinacionais reflíctese na súa análise da paisaxe galega, onde asegura que actividades tradicionais como a gandaría extensiva, que mantén os prados e os bosques, están desaparecendo pola despoboación e a chegada destas grandes empresas. Na súa opinión, o territorio estase a transformar nunha «zona de sacrificio», semellante ao que ocorreu durante séculos en América Latina.
O sector apícola é un entorno moi dominado polos homes, afirma Natalia. Nas reunións onde se debaten temas cruciais como a avespa asiática, as mulleres son minoría e enfróntanse a actitudes condescendentes: «A miúdo subestímanme ou pregúntanme se realmente traballo soa, actitudes que non terían cun home», asegura. Tamén denuncia a falta de colaboración entre apicultores, a pesar do suposto espírito asociativo que existe.
«Cando comparto coñecementos, como un estudo que lin ou un método para probar, a miúdo ignórase por carecer de importancia. A miña experiencia vólvese invisible. A nivel persoal, tiven que adaptar o meu carácter co tempo, suavizando as miñas maneiras para adaptarme a un entorno dominado polos homes. Aprendín a comportarme dun xeito determinado para que me tomen en serio, pero é esgotador. Agora intento desaprender eses comportamentos e traballar doutra maneira», explica.
Malia os retos, Natalia sinala que as novas iniciativas rurais lideradas por mulleres están a transformar os paradigmas económicos. Estas iniciativas tendan a promover a cooperación e a comunicación no canto da competencia e o illamento entre produtoras.
Natalia defende que as cooperativas deben estar no centro do desenvolvemento rural e traballa para crear redes de apoio entre as mulleres. «Aínda que esteamos desbordadas cos nosos proxectos, estamos a construír algo xuntas, e iso dálleme esperanza», conclúe.