Carmen Sánchez, empresa de algas Galuriña – Esteiro, Muros, A Coruña

Na súa empresa Galuriña, Carmen puxo en marcha un negocio baseado na recollida e procesado de algas. Un recurso que ao principio lle era descoñecido pero que, tras anos de esforzo e formación, converteuse no piar da súa actividade. “Quedei abraiada cando oín falar destas plantas e do potencial que tiñamos aquí, tan descoñecido e valioso”, lembra.

O camiño cara ao éxito non foi doado. Carmen deixou atrás a súa carreira no sector textil e decidiu comezar de cero nun ámbito completamente novo. As dificultades económicas e burocráticas marcaron os seus primeiros anos como traballadora autónoma. “Pasei por moitos altos e baixos, pero sempre tiven claro que quería vivir no campo e criar ás miñas fillas nesta contorna”, explica. Porén, esta decisión tamén supuxo enfrontarse ás desigualdades de xénero que aínda persisten nas zonas rurais.

Carmen subliña que as mulleres seguen soportando unha carga desproporcionada de responsabilidades domésticas e familiares, mesmo cando desenvolven proxectos empresariais. Aínda que as súas fillas xa son independentes, admite que a conexión co fogar nunca desaparece de todo: “As mulleres non estamos para coidar, estamos para compartir, pero ese concepto de responsabilidade inculcáronnolo desde pequenas e temos que rachar con el”, afirma.

Co paso dos anos, Carmen aprendeu a delegar e a deixar de asumir tarefas que non eran da súa exclusiva responsabilidade. Reflexiona sobre o impacto deste cambio na súa vida persoal e profesional. “Un día pregunteime que estaba facendo e decidín deixalo ir. Pouco a pouco, outras persoas asumiron as súas responsabilidades. A miúdo somos nós mesmas quen perpetuamos esta carga”, afirma. Este proceso, di, é esencial para que as mulleres avancen e se centren nos seus propios obxectivos.

O enfoque que Carmen dá ao seu negocio reflicte tamén o seu compromiso coa sustentabilidade e coa comunidade local. Para ela, o crecemento non se mide só polas vendas, senón polo impacto positivo que pode ter no medio ambiente e nas persoas que viven nel. “Máis alá dos produtos, hai unha vida que temos que coidar. Se non o facemos agora, desaparecerá máis rápido do que pensamos”, advirte. Esta perspectiva inclúe tamén un chamamento á acción colectiva: fomentar as reunións veciñais e esixir transparencia nas decisións que afectan ao territorio.

Como muller rural, Carmen recoñece a necesidade de superar as barreiras estruturais e culturais ás que se enfrontan as mulleres nas pequenas comunidades. “Non podemos aceptar decisións tomadas por quen non coñece a nosa realidade”, afirma con determinación. Avoga por un modelo de liderado máis integrador no que se escoiten e valoren as voces locais, especialmente as das mulleres.

Páginas: 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24