Amets Ladislao, socia da cooperativa de produtos ecolóxicos e locais Bizkaigane, membro da executiva do sindicato agrario EHNE-Bizkaia e integrante de Etxaldeko Emakumeak / Mulleres de Etxalde – Errigoiti, Bizkaia

Amets, nada en Algorta, afastouse do camiño universitario tradicional tras unha experiencia frustrante na carreira de Historia, e decidiu dedicarse ao traballo agrario, malia o rexeitamento inicial da súa familia. “Quero ser granxeira”, dixo, e comezou a súa formación na escola agrícola de Derio. Aínda que non provén directamente dun caserío, leva máis de 20 anos traballando en múltiples explotacións en Bizkaia, o que lle deu un amplo coñecemento do sector. Actualmente traballa en Bizkaigane e, desde alí, colabora activamente co sindicato EHNE-Bizkaia, onde foi asumindo responsabilidades de forma natural. “Meterme no sindicalismo foi unha parte máis do meu traballo, como a produción. Non podo entender unha cousa sen a outra”, afirma.

Como parte de EHNE-Bizkaia, Amets defende un sindicalismo feminista e agroecolóxico, comprometido coa soberanía alimentaria e coa transformación do modelo produtivo. Recoñece que o feminismo dentro do sindicato foi impulsado polas mulleres desde abaixo, reivindicando modelos agrícolas máis diversos e sostibles: “As mulleres quedamos nos modelos pequenos, e logo entendemos que iso tamén era unha aposta política”. Aínda que hai retos en canto á participación en espazos máis amplos, di que desde o feminismo hoxe “hai unha tendencia a coidar máis o espazo que a facer actividades, e investimos moito tempo en ver como nos sentimos, máis que en facer cousas.” Considera que a “muller labrega ten unha urxencia práctica e que nós entendemos o coidado desde outro lugar”, polo que sostén que o feminismo labrego ten as súas propias formas e tempos.

Amets relata as múltiples dificultades que implica ser muller e nova nun sector historicamente envellecido e masculinizado. Explica que, a miúdo, o traballo das mulleres é valorado desde un enfoque paternalista, o que impide unha crítica construtiva e un aprendizaxe real: “ti segues adiante coas meteduras de pata e ninguén se atreve a dicirche ‘¡así non!’”. A pesar destas barreiras, destaca o compromiso do seu sindicato co feminismo, que pasou de ser “o punto final da axenda” a estar integrado en todos os debates. Fronte a estratexias máis directas como a do Sindicato Labrego Galego, en EHNE optaron por unha incorporación progresiva do feminismo: “fomos metendo pouco a pouco os temas”, buscando non xerar malestar, pero mantendo a firmeza do obxectivo transformador.

Desde unha perspectiva interseccional, Amets denuncia a tripla precariedade que enfrentan as mulleres labregas: económica, política e de xénero. “Somos mulleres e por iso sufrimos todas as discriminacións que sufrimos as mulleres en xeral: invisibilidade, xuízo permanente…”. Engade que moitas non foron recoñecidas como labregas nin por elas mesmas debido ao patriarcado, e lembra como o seu sindicato impulsou nos anos 90 medidas para asegurar cotizacións sociais para as mulleres. Porén, aínda hoxe as políticas públicas, como a PAC, perpetúan as desigualdades ao subvencionar aos propietarios de terras e animais —maioritariamente homes ou grandes empresas— no canto de apoiar a quen realmente traballa a terra. “A PAC é a única axuda pública en toda Europa que non está ligada a unha renda”, denuncia.

Amets critica tamén a falta de desenvolvemento do Estatuto Vasco das Mulleres Agricultoras, sinalando que se converteu nun fin en si mesmo: “cando xa tivemos o Estatuto, xa está, todo o mundo respirou”. Aínda que promoveu medidas como a paridade nas executivas, advirte que sen un traballo profundo nas relacións de poder, estes cambios son insuficientes. Relata o caso de UAGA, cuxa executiva se rompeu por non integrar realmente ás mulleres que foran incorporadas. Finalmente, insiste en que o que buscan non é un cambio superficial, senón unha transformación estrutural: “o que queremos é un novo escenario que xa non teña volta atrás”.

Páginas: 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24